Comezando…

5 04 2008

Por que? Pois non che sei meu… cicais fálteme o tempo e non atope cousas mellores que facer!! Ou cicais non…
O caso é que por algún motivo, é mester que desafogue a miña obra literaria que levo dentro… a da miña vida, que non ha ser máis nin menos que ningunha outra… nin mellor nin peor.
Porque cicais tamén atopo correcto que os demáis aprendan das miñas experiencias, coma algún día eu aprendín das doutros, e ver que todo é relativo nesta vida. É mester máis dun punto de vista, sempre que se poda claro está.
Cicais este sexa un blog residuo, unha sinxela entrada máis na lista de blogs dalgún servidor esquecido do mundo… pero para min ha ser máis; diso estou seguro. E por que non… coido que algúns dos que me coñecen han botar unha ollada de cando en vez… E síntoo moito por aqueles que non comprenden o galego; anímolles a que o fagan, fala viva como vedes, a pesar de quen lle pese!
Supoño que este é o mítico artigo que escribe cada un nada máis abrir un blog! jajaja! É o que hai, cicais sexa o pánico escénico da primeira vez? Quen non o tivo algunha vez?
O caso é que de un tempo deica esta parte, decidín comezar a abrirme o mundo, tal que o mundo abríuse a min, e non dar nada nin por sentado nin por sabido; así que facendo meus certos versos dun gran chileno, direi que morre lento quen non viaxa, así coma que non aprende cousas novas… co cal, farei deste blog un taboleiro de novos vivires!
Por que o nome? Para os que non teñan a fortuna de coñecer un Fisterre ártabro… direilles que Coitelada é aquela punta que ameaza o mar en cada onda… aquela, que con todo atrevemento dille ás Américas… “Voltade pronto os que alí estades…”, aquela que con toda tristura, soporta as ruiñas dos que arruiñaron as nosas esperanzas, e porta aínda os resquicios dunhas baterías militares que foron útiles no seu tempo para quen nada amaba as súas vistas… é aquela punta que veu morrer a franceses na súa osadía… a ingleses na súa cobarde fuxida, e como non, a galegos das valentes vidas do mar, que ás veces, ela mesma axudou a trocar en mortes… certo é que non pertence a aquela costa onde a morte apoderouse do seu nome (grazas a Manolo de Malpica por aclararmo…jajaja), pero non ten nada que enverxarlle nesa triste condea… Invítovos a todos aqueles que non a coñecedes, a que carantoñedes a beleza do seu mar, e disfrutedes da próxima praia de Chanteiro… xusto a carón da susodita…
Un saúdo, dende alén de Coitelada, nun país onde os que coñecen Iberia, din que os galegos somos os escandinavos ibéricos polas nosas rías e o noso carácter…